Friday 03 de May de 2024

A Xunta licitará este ano o instrumento de ordenación que permitirá dotar a Cabana de Bergantiños do seu primeiro parque empresarial


— Ángeles Vázquez explica que o futuro polígono, cunha superficie de case 271.000 m2, está previsto na segunda modificación do Plan sectorial de ordenación de áreas empresarias de Galicia, que se aprobará definitivamente antes de que remate 2023

— O Goberno galego destinará nos orzamentos do próximo ano máis de 40 M€ a executar actuacións en 22 parques empresariais, 5 deles na provincia da Coruña

A Xunta de Galicia licitará antes de que remate o ano a redacción do Plan estruturante de ordenación de solo empresarial (PEOSE) do futuro polígono de Cabana de Bergantiños, un instrumento de ordenación que permitirá definir e planificar a creación da que será a primeira área industrial deste concello coruñés.
Así o anunciou esta mañá a vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, que acompañada polo delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, se reuniu co rexedor, José Muíño, para abordar o desenvolvemento de solo empresarial no municipio e os últimos avances ao respecto.
Neste sentido, a vicepresidenta explicou que o futuro polígono está previsto na segunda modificación do Plan sectorial de ordenación de áreas empresariais de Galicia (Psoaeg), impulsada polo Goberno galego e cuxa aprobación definitiva está planificada para antes de que remate 2023.
Unha vez modificado o Psoaeg, engadiu que o seu departamento, en calidade de promotor da actuación, sacará a licitación pública os traballos para redactar o PEOSE do polígono de Cabana de Bergantiños, un documento que, xunto co proxecto de urbanización, definirá o número de parcelas e o seu tamaño, as prazas de aparcadoiros ou as zonas verdes a desenvolver, entre outras cuestións.
Segundo indicou a vicepresidenta, o polígono industrial proxectado no municipio coruñés disporá nesta primeira fase dunha superficie bruta de case 271.000 metros cadrados, calculada a partir dos estudos realizados sobre as necesidades do municipio neste eido.
Así mesmo, a vicepresidenta enmarcou o futuro polígono de Cabana de Bergantiños tanto na “planificación” como no esforzo investidor que fai cada ano o Goberno galego en materia de solo industrial, a través do financiamento de novos desenvolvementos e da aplicación de bonificacións dun 30% ou dun 50% —dependendo da localización dos parques— sobre o prezo de venda das parcelas da súa propiedade.
Esta aposta da Xunta, engadiu Vázquez Mejuto, plasmarase nos orzamentos para o vindeiro exercicio en máis de 40 millóns de euros para executar actuacións en 22 parques galegos. No caso da provincia da Coruña, concretamente, está previsto actuar sobre os polígonos de Morás (Arteixo), Santa Comba, Bértoa (Carballo), Coristanco e A Sionlla (Santiago de Compostela).
En canto ás bonificacións, a vicepresidenta explicou que para o próximo ano o seu departamento ten reservados cinco millóns de euros a manter os incentivos que desde o ano 2015 aplica a Xunta para favorecer o asentamento empresarial nos parques galegos.